domingo, 21 de abril de 2013

Ola!

Somos un grupo de amigos que por medio dunha asociación, A Calmoseira, facemos por conservar os xeitos da navegación a vela e as embarcacións tradicionais da Ría de Arousa; outros produtos da terra polos que tamén temos afición son a música, a comida e o licor café, así que adoitamos reunirnos para disfrutalos.
Coa idea de darlle mais vida á asociación pensamos en organizar rutas polo Salnés, en bici e dorna, para coñecer xente, outras iniciativas e amosar o que facemos. Non se trata dunha oferta de turismo: non estamos interesados en consumidores, se non en persoas que desexen coñecer cousas e sitios novos en confianza mutua, porque nos tamén queremos aprender o que queirades compartir.
Se queredes probar a navegación tradicional, o que ofrece o mar, a natureza e a vida mariñeira na Ría de Arousa, vinde a coñecernos! Estamos agardándovos!

Podedes contactarnos neste enderezo: sisogc@yahoo.es

Foto do Pablo

sábado, 20 de abril de 2013

Prezos e condicións.



O ideal sería que fixerades un grupo dende duas ata seis persoas. O prezo son 150 € por persoa, inclue o seguro obrigatorio para navegar, o uso das bicis, tres almorzos e o aloxamento na casa dun socio as tres noites; o seguro é para un ano, así que se vindes por aquí podedes sair navegar mais veces se vai algún socio e hai sitio nas dornas.



programa de atividades

 

Xoves

Recibirémosvos ás 17:00 ou 18:00 p.m. en Cambados para coñecernos.




Venres

Ás 9:00 da mañán almorzamos no piso (incluido no prezo). Ao rematar saimos cas bicis cara Meaño.


Iremos pola beira da Ría, visitando sitios coma as antigas telleiras, tranquilamente e parando para darse un bañolo ou o que pete.




Comeremos polo campo, podemos levar algo ou parar nalgún sitio.
A idea é chegar á praia da Lanzada. Podemos visitar o castro que foi recentemente excavado, con achádegos moi notáveis, e achegarnos á praia de onde a Santa Compaña partía cara a illa de Ons.


Arredor das 17:00 estaremos de volta no peirao de Cambados e sairemos a navegar.


Foto: Felipe Vázquez Abal
> Foto: Lino Prieto.

Á volta, e contando con que o mar dá unha fame de nabo, faremos de cear ou ben iremos a un furancho ou loureiro.

Foto: Felipe Vázquez Abal

Sábado.

Ás 9:30 almorzaremos para sair ás 10. Esta volta faremos unha ruta polo río Umia, na que invertiremos unhas catro horas.


Fotos do Oscar.

Ás 17:00 sairemos de novo a navegar.

Foto: Felipe Vázquez Abal


Pola noite faremos unha cea nun furancho ou loureiro, con música tradicional. Pagaremos a escote a cea, invitando aos músicos. Os seráns furancheiros adoitan prolongarse ata altas horas, pero cada quen verá de seguila ata a hora que queira, sair por Cambados ou o que mais lle preste.

Domingo. 

Logo da troula do sábado virá a despedida. Se o tempo acompaña pode sairse de novo a navegar, visitar os arredores ou o que se acorde.